Buscar
viernes, 26 de abril de 2024 00:11h.

BALONCESTO BASE

A base a examen con Clube Baloncesto Arteixo

O director deportivo da entidade e adestrador, Germán Lozano, asegura que a canteira e a materia prima do clube que mima as categorías inferiores, onde este ano contan coa pre-mini

 

O Clube Baloncesto Arteixo quere seguir medrando e aposta pola xuventude, cun total de cinco conxuntos de formación, destacando o pre-mini, e unha aposta pola xuventude nos seus equipos senior como forma de crecer no futuro. Un futuro no que con traballo queren seguir sendo unha iniciativa atractiva que aglutine máis nenos no contexto da ampla oferta do concello. Germán Lozano, adestrador e director técnico do clube, cóntanos cómo funciona a maquinaría arteixá.
 

-Cantos equipos de formación ten o club? Hai categorías de pre-mini?

Para esta tempada contamos con cinco equipos de formación: junior, cadete e infantil masculino, infantil feminino e pre-mini mixto. Tamén cun senior de 4ª división que o consideramos de formación, posto que temos nove xogadores que non sobrepasan os 20 anos.

O equipo pre-mini é a primeira vez que o conseguimos formar. É unha aposta do club para crecer dende a base e ir incorporando nenos de tres anos para que disfruten do baloncesto.

-É complicado o de captación de novos xogadores? ¿Cómo se leva a cabo: accións en colexios, actividades no verán?...

-Si, é moi complicado, xa que a oferta deportiva en Arteixo é moi ampla e hai deportes como o fútbol e a natación que aglomeran moitos nenos e nenas. Dende o clube realizamos actividades durante o verán (Campus de baloncesto C.B. Arteixo-Concello de Arteixo), participamos no Día do Deporte na Rúa de Arteixo, tamén realizamos un 3x3 en colaboración co Concello. Levamos tempo intentando realizar acción nos colexios, pero por diversos motivos non puidemos levalos a cabo.

-Existe unha persona que coordine únicamente a canteira? Hai xogadores do primeiro equipo formados no clube?

-A coordinación do clube recae principalmente en mín, tanto dos equipos senior como das categorías base, aínda que teño a axuda do resto da xunta directiva do club. Tratamos de establecer uns obxectivos e crear unha liña de progresión e unha idea de xogo para que os xogadores melloren as súas capacidades técnicas e tácticas relacionadas co baloncesto de xeito adecuado en función da categoría que lles corresponda. Pero sobre todo tratamos de inculcar uns valores para axudar a complementar a súa formación como persoas.

Actualmente non temos ningún xogador da primeira plantilla formado integramente no club. Sí hai un xogador que se formou ata infantil no club e volveu este ano como senior e outro que se formou no club e aínda sigue ós seus 37 anos. Así mesmo, contamos con varios xogadores do equipo sénior de 4ª división e do junior que alternan o seu equipo co equipo senior de 2ª división.

-É a aposta pola canteira un valor seguro en tempo de crisis e ante as dificultades para fichar xogadores?

Creo que agora realmente é necesario apostar pola canteira. No caso dos clubes de élite para abaratar costes á hora de fichar xogadores que lles dean un salto de calidade ó equipo. Mentres que nos clubes semiprofesionais, é necesario para poder facer fronte ós gastos federativos relacionados cos equipos do club. Na categoría na que está o noso club non nos podemos permitir o luxo de fichar xogadores a base de cartos, de feito tódolos xogadores do club pagan unhas cuotas por xogar.

No noso caso particular, os xogadores veñen ó club por cercanía e amizade con xogadores e/ou adestradores que xa están formando parte dos nosos equipos ou por ter formado parte das categorías base do club con anterioridade.

-Conta o clube coas instalacións/ medios necesarios para poder fomentar o baloncesto dende a base?

Sempre se poden mellorar as instalacións das que un club dispón. No noso caso particular, non temos queixa ningunha xa que o Concello de Arteixo concédenos tódalas pistas que solicitamos. Utilizamos tódolos días o Pazo dos Deportes de Arteixo con tódolos equipos e o Pavillón do IES Manuel Murguía, así como o Pavillón Municipal San Xosé Obreiro de Meicende para adestrar os venres. Tamén nos cede horas no ximnasio do campo de fútbol de Ponte dos Brozos.